O servizo de cardioloxía do CHUF realiza o seguimento dos pacientes con marcapasos nos seus centros sociosanitarios

Esta medida permite levar a cabo a monitorización dos maiores diagnosticados con esta patoloxía sen terse que desprazar para evitar un posible contaxio pola Covid-19
chuf marcide /

A Unidade de Marcapasos do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol -CHUF- implícase novamente en facilitar o control remoto dos pacientes portadores de marcapasos. Esta mañá os profesionais desta Unidade desprazábanse a nove residencias da Área Sanitaria de Ferrol para facer o seguimento a un total de 31 pacientes.

O obxectivo é realizar a monitorización de marcapasos de forma remota xa que na actual crise sanitaria promovida pola Covid-19 resulta perigoso o traslado destes pacientes de alto risco. Polo tanto, o que se pretende é manter a calidade asistencial a través da telemedicina e a monitorización «in situ», evitando o desprazamento deste perfil de paciente.

Seguimento de 31 pacientes

O equipo de profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol desprazábase ó longo da mañá ós centros sociosanitarios cos programadores de marcapasos, e realizou o control técnico e o seguimento dun total de 31 pacientes con marcapasos. Subliñan que se extreman as medidas de control e limpeza dos programadores entre paciente e paciente.

A idea é que estas monitorizacións remotas veñan para quedar como un xeito de evitar os desprazamentos ás consultas dos e das pacientes portadoras de marcapasos, e que só se teñan que achegar cando se concrete esa necesidade polos propios profesionais ou porque haxa algún condicionante que o estableza

Perfil de paciente na Área Sanitaria de Ferrol

En termos xerais, na Área Sanitaria de Ferrol están a seguimento uns 1.500 pacientes portadores de marcapasos. Implántanse uns 180 dispositivos deste tipo ó ano no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O perfil de paciente con trastorno do ritmo cardíaco, explican dende esta Unidade, é un home ou muller, non hai grandes diferenzas de xénero, cunha idade media de 80 anos.

Os marcapasos son uns dispositivos electrónicos deseñados para producir impulsos eléctricos que poidan estimular ó músculo cardíaco nos casos en que falla a estimulación fisiolóxica ou normal. Os marcapasos son pequenos computadores que vixían continuamente o ritmo do corazón; e se nalgún momento non se produce un latexado cardíaco, o marcapasos é capaz de detectalo e enviar un sinal eléctrico a través dos cables  para que o corazón se contraia.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.