A Consellería de Política de Social vén de enviar 51 teléfonos móbiles e tablets a varios centros de atención e residencias de maiores das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para facilitar a comunicación dos usuarios cos seus familiares durante as medidas de confinamento que se están producindo durante a emerxencia sanitaria.
Concretamente, a residencia de maiores de Caranza recibiu 27 dispositivos, o centro de menores Ferrol I recibiu 18, a residencia de maiores de Laraxe 2 e a residencia de Ortigueira 4 dispositivos. Estes dispositivos, que foron cedidos por Cenor electrodomésticos, a compañía telefónica Orange, a Fundación Profuturo e A Caixa, serven para manter o contacto entre os residentes e as súas familias.
Con esta achega procurará dar solución a unha situación que preocupaba ás persoas que viven nos centros residenciais de servizos sociais e as súas familias. Aínda que se intensificou o contacto telefónico nestes centros, decidiuse dar un paso máis e facer uso dos avances tecnolóxicos para que poida producirse tamén un contacto visual.