Os concellos da comarca activan novos protocolos para axudar aos máis vulnerables

Os gobernos municipais están a crear redes de axuda para os máis necesitados, os maiores que viven sós ou os sen teito
2324922

Para garantir a atención ás persoas sen teito o Concello de Ferrol explorou a posibilidade de obter máis espazo no albergue Pardo de Atín, pero ante a imposibilidade de que cubra toda a demanda, o Concello encargarase de proporcionarlle aloxamento ás non teñan praza nese centro. Ademais, xa se acordou coa Cociña Económica o envío de menús a esas mesmas persoas. En principio, trátase de 16 que non son usuarias habituais da institución benéfica.

Pola súa banda, Cáritas manterá aberto o seu centro de inclusión social. Para usuarios dos comedores sénior que se atopen en situación de vulnerabilidade, o Concello contratou un servizo de entrega de menús a domicilio.

O peche dos comedores escolares xerou unha situación delicada para moitas familias que tiñan concedida beca para este servizo. Ás que o soliciten, explicou o alcalde Ángel Mato, vánselles proporcionar vales de necesidades básicas para que poidan mercar alimentos. Actualmente teñen concedida a beca case 400 familias.

Servizo a domicilio

Outros dous concellos anunciaron medidas similares nas últimas horas. O Concello das Pontes, debido a situación de estado de alarma e co obxectivo de garantir o benestar da veciñanza, pon a disposición das persoas maiores que vivan soas e das persoas que se atopen en situación de especial vulnerabilidade un servizo de entrega, a domicilio, de alimentos, medicamentos e produtos de primeira necesidade. Será de lunes a venres de 08.00 a 15.00 horas e poderase contactar no 981 44 10 08 ou 627 77 91 29

Pola súa banda, o goberno municipal de Moeche e mailo tecido asociativo acaban de crear un grupo de comunicación para coordinar, de ser necesario, o apoio a persoas maiores ou que vivan soas. O Concello deu o paso de solicitar a colaboración das entidades asociativas para ter unha rede de información que permita coñecer con rapidez calquera necesidade ou incidencia das veciñas e veciños que viven sós e que, nesta situación de limitación da circulación, necesiten axuda para desprazamentos por alimentos, medicamentos ou outras necesidades básicas. 

O mesmo ocorre en Cedeira, que abriu novas liñas telefónicas (607 409 065 – 673 223 415) para que a veciñanza poña en coñecemento do Concello a situación de persoas maiores que poidan vivir soas e requiran algún tipo de axuda.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.