O CHUF de Ferrol é un dos 62 hospitais seleccionados polo Ministerio de Sanidade para participar nun estudo no marco do Plan Nacional sobre a SIDA, segundo explicou este sábado a Delegación do Goberno en Galicia nun comunicado. En total serán 4.000 profesionais do ámbito da medicina, enfermería, farmacia, radioloxía e laboratorio os que se sometan a este ensaio, denominado ‘ Epicos’ (Ensaio Clínico para a Prevención da Infección por Coronavirus en Sanitarios).
Trátase “do maior” destas características en Europa e un dos máis grandes do mundo. O obxectivo é obter os “primeiros resultados en catro semanas” e “avaliar o risco de desenvolver a enfermidade sintomática en persoal de alto risco”. Para iso, administrarase “de maneira preventiva e aleatoria” un ou dous medicamentos que se compararán cun grupo placebo.
Así, cotexarase a eficacia preventiva de tres tratamentos estratéxicos: hidroxicloroquina, antirretrovirais que se utilizan para tratar a infección por VIH e a combinación de ambos.
O tratamento preventivo terá unha duración de 12 semanas aínda que se realizarán análises mensuais para avaliar a eficacia de cada opción, precisa o comunicado. Desta maneira, búscase protexer aos sanitarios que se atopan en primeira liña de traballo para frear esta pandemia e aos pacientes, aos que poden contaxiar o persoal asintomático do hospital.
Discussion about this post