O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá da posta en marcha do Servizo de Orientación Laboral no municipio grazas a un programa da Mancomunidade cofinanciado polo Ministerio de Traballo e a Consellería de Emprego, xunto aos concellos de Ares, Mugardos, Neda e Valdoviño.
Unha orientadora laboral ofrece asesoramento os xoves ás persoas demandantes de emprego. Ten a súa oficina no segundo andar da casa consistorial e as persoas interesadas teñen á súa disposición o teléfono de información e cita previa 627 586 101.
Este servizo, en colaboración co Servizo Público de Emprego de Galicia, orienta, informa e asesora ás persoas demandantes de emprego no seu proceso de búsqueda activa ou de formación. O obxectivo do servizo é a mellora da súa ocupabilidade tendo en conta as características do mercado de traballo e o perfil profesional das persoas demandantes.
A orientadora labora ofrecerá unha atención personalizada e axudará aos usuarios no proceso de motivación persoal e profesional, no deseño de itinerarios personalizados de inserción, dará asesoramento e axuda técnica para a elaboración do CV e ofrecerá recursos e ferramentas para a procura activa de emprego.
Ademáis, aqueles que se atopen buscando emprego recibirán información e asesoramento sobre o mercado de traballo e as políticas activas de emprego, a oferta formativa e programas que faciliten a mobilidade para a formación e cualificación europeas, e información e asesoramento sobre os recursos de apoio para a posta en marcha de proxectos emprendedores ou de autoemprego.
Discussion about this post