O fío que sostén as perlas

Imagen de brgfx en Freepik.
Imagen de brgfx en Freepik.

Ao levar a copa á boca cáeme unha gota nos vaqueiros. Ten a forma exacta das cabezas de indio que tiña unha camisa da miña nai de cando eu era un rapaz. Unha camisa beige, frouxa, que me deixou un par de veces; por exemplo aquela tarde que había unha festa medio nocturna no Club de Campo, e de súpeto todos os que estabamos alí cada día do verán chegamos ben vestidos, un pouco disfrazados, case irrecoñecibles. Eu fun coa camisa, por fóra do pantalón. A imaxe, na que non pensara en décadas, venme á cabeza inmediatamente. Os indios -indios dos dos vaqueiros, precisamente- estaban de perfil e curiosamente tiñan o pelo curto.

Dende casa, vexo pasar unha lancha. Deixa unha estela no mar que reflexa o sol do mediodía. A mesma estela de tantas lanchas e tantos barcos que teño visto en Vicedo, entrando ou saíndo da ría. A mesma estela, sobre todo, da lancha do meu tío Camilo. Fun moi feliz gobernándoa, sentado na popa, como o pirata de Espronceda, e fun moi feliz deitado na proa e metendo a man na escuma. Non son unha persoa que desfrute moito do físico, que extraia demasiado pracer do corporal -admítense bromas fáciles-, e sen embargo saír na lancha e que me dera o aire, e as gotas de auga salgada na cara, sentir o pop-pop do motor de gasoil e as gaivotas, e ir vendo a costa pasar ata chegar á Estaca ou a Xilloi, foi sempre algo extraordinario. Extraordinariamente bo.

E a vida é iso: ir fiando recordos, imaxes, pensamentos e sensacións, ata que forman unha rede, un tecido propio, persoal e único. Que é a túa vida.

Cando os meus compañeiros de carreira falan de cousas que fixemos, e dan datos e describen situacións, eu apenas lembro algún feito illado, algunha escena que funciona a modo de resumo, de símbolo, e que, como tal, flota e se expande ocupando e representando toda unha época e un estado. Porque a miña vida sen dúbida estrutúrase como unha sucesión de sentimentos e ideas. Sentimentos e ideas que se van repetindo e enlazando -como a gota de onte e a camisa de hai catro décadas- e, ao mesmo tempo, evolucionando, cambiando ao longo dos anos, sinalando a miña propia evolución e cambio, e deixando claro o que muda e o que permanece, que supoño que constitúe o meu núcleo, a miña personalidade básica, o meu profundo xeito de ser, o fío que sostén o que son.

Tamén fun feliz hoxe á mañá. A mañá do primeiro sábado de agosto.

Na praia de San Xurxo, antes das doce, case non hai xente, nin vento, a marea está baixando e a auga vese transparente, de cor verde clara. Voume mollar e a temperatura é inaudita. Afastada de min hai unha muller bañándose, deixándose ir de cando en vez para atrás, frotando. Ten unha melena castaña e non leva a parte de arriba do bikini – e o que adiviño dende a distancia é marabilloso-. Entón mira para min e rise. Varias veces, sen dúbida. Nado ata ela. Aínda fago pe. Achégome. Ela sorrí e ven cara min. Abrázaseme e rodéame a cintura coas pernas. Ten os ollos verdes e pecas no nariz moreno. E bicámonos. Bicámonos moito tempo, mollados entre risas. É preciosa. E resulta que é a miña muller.

E eu síntome feliz na auga verde clara, ao pe do monte, con ela nos brazos.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.