A Axencia Tributaria publica anualmente a Estatística dos declarantes do IRPF por municipios (EDM), que nos permite o coñecemento dos niveis de renda medio de cada concello. A estatística EDM permite unha visión integral da Renda Persoal Bruta (tanto das rendas suxeitas ao imposto como das exentas). Incorpora tamén a EDM como información adicional o número total de declarantes. A Renda Bruta Media (RBM) de cada concello calculase dividindo as rendas integras obtidas polos individuos (rendas do traballo, do capital mobiliario, capital inmobiliario, actividades económicas , outras rendas e as rendas exentas) entre o número de declaracións presentadas.
A estatística faise a nivel nacional, por Comunidade Autónoma, provincia ou concellos de máis de mil habitantes. Os últimos datos publicados recentemente corresponden ao ano 2021. O primeiro que podemos salientar é unha melloría xeral da renda municipal, logo de superar o parón económico debido á pandemia do ano 2.020. Aínda que a actividade económica comezouse a recuperar neste ano 2.021, a normalidade na economía e nas rendas non se fará efectiva ata un pouco mais adiante.
A Renda Bruta Media de Galicia foi de 25.713 euros, sendo a provincia con maior RBM, A Coruña con 27.196 euros e a de menor renda Lugo con 23.274 euros. Os concellos galegos con maior Renda Bruta Media, é dicir, os concellos máis ricos se corresponden cos das grandes areas urbanas das cidades galegas e os concellos limítrofes, areas máis dinámicas en poboación, en actividades empresariais, tanto industriais, comerciais ou de servizos. Encabeza a clasificación, un ano máis, o concello de Oleiros cunha RBM de 39.041 euros, posición que ocupa desde o ano 2013 en que se comezan a elaborar estes datos ( o municipio de España con máis renda é Pozuelo de Alarcón con 80.244 euros , coñecido por ser residencia de deportistas e outros famosos).
Logo lle seguen este ano os concellos de Bergondo, Nigrán, As Pontes, A Coruña, Santiago, Teo, As Somozas, Baiona, Vigo, Sada, Pontevedra etc. Non hai grandes cambios nesta parte da lista, agás o caso do pequeno concello de As Somozas onde aumenta a RBM un 40,7% respecto ao 2.020. Non sabemos a causa destes ingresos extraordinarios dalgúns dos veciños. Outra cousa ben distinta é como está repartida ou distribuída esa renda entre os habitantes deses concellos, é dicir, o grao de desigualdade que poida existir no reparto desa renda.
Os de renda mais baixa son os concellos rurais do interior, afastados das áreas urbanas e das principais redes de comunicación, municipios cunha poboación moi envellecida e un pouco por riba dos mil habitantes. Tampouco na parte baixa da lista hai moitos cambios respecto a 2.020. Na última posición, na 276, está o concello de Cervantes con 1.250 habitantes, da comarca dos Ancares (Lugo), cunha renda media de 15.310 euros, e logo O Páramo, Toques, Vilardevós Samos, Paradela, Dozón, Avión, Trasmiras, Riós, A Mezquita, Cualedro, Rodeiro e A Bola , todos eles cunha Renda Bruta Media por debaixo de dezasete mil euros.
A localidade de Higuera de Vargas (Badaxoz) con 12.737 euros, é a de renda bruta máis baixa de España. Descendendo ao ámbito da comarca do Eume, o concello mellor clasificado é As Pontes, no que fanse notar as rendas derivadas co complexo industrial de Endesa , salarios e pensións, cunha renda bruta media de 31.495 euros, a cuarta de Galicia. Logo está Cabanas con 28.012 euros na posición trece. Estes dous concellos cunha renda superior á media de Galicia.
Pontedeume aparece na posición trinta de Galicia, cunha cifra lixeiramente inferior nunhas décimas á media galega con 25.549 euros. A Capela con 23.841 euros está xa no posto 53, e no segmento de rendas baixas no lugar 247, o concello de Monfero cunha renda bruta media de 17.764 euros. Monfero é o municipio máis rural da comarca, sen un núcleo ou casco urbano definido, e cunha poboación moi avellentada e espallada nun amplo territorio.
Xa, no caso concreto do Concello de Pontedeume, a Renda Bruta Media dos veciños foi aumentando desde os 22.576 € do 2013, ata acadar en 2.021 os 25.549 euros € (99,4% con respecto á media de Galicia). Este último ano aumenta a RBM en 551 euros ao respecto de 2.020, ano como xa dixemos de forte caída da actividade económica por mor da pandemia, máis so mellora en 77 euros ao respecto da RBM de 2.019. No “ranking” de maior a menor RBM, Pontedeume ocupa a posición 30 no conxunto de Galicia e a 19 na provincial. En Pontedeume con 7.563 habitantes nese ano, presentáronse 3.787 declaracións de renda do IRPF.