O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou desde Bos Aires o papel fundamental da emigración na construción da Galicia actual e asegurou que os socialistas defenderán os dereitos dos descendentes dos galegos no exterior recoñecidos pola chamada Lei de Netos. O líder socialista participou en distintos actos con motivo do Día Nacional de Galicia e reclamou á Xunta unha nova estratexia para reforzar os vínculos coa diáspora.
Desde o Centro Galicia da capital arxentina, Besteiro conectou a súa mensaxe coa tradicional homenaxe do PSdeG a Castelao en Rianxo, unindo simbolicamente as dúas beiras do Atlántico. Nese contexto, destacou que a emigración “axudou a construír Galicia e a manter viva a nosa identidade” e advertiu de que “quen ataca a Lei de Netos ataca a nosa historia”.
O dirixente socialista lembrou que Bos Aires foi durante décadas un dos grandes focos da cultura e do pensamento galego no exterior, especialmente durante os anos da ditadura, cando a comunidade emigrante contribuíu a conservar a lingua, a memoria democrática e a defensa do autogoberno.
“Marcharon, pero nunca se foron de todo”, afirmou Besteiro, que puxo en valor o esforzo de miles de galegos e galegas que emigraron a países como Arxentina ou Uruguai e que, pese á distancia, continuaron colaborando coas súas familias e cos seus lugares de orixe.
Defensa da Lei de Netos
Besteiro asegurou que a Lei de Memoria Democrática, pola que numerosos descendentes da emigración están accedendo á nacionalidade española, supón unha medida de reparación histórica e non unha concesión.
“Non é un pasaporte regalado, é un dereito que recoñece unha realidade histórica e responde á emoción de moitas familias que nunca perderon o vínculo con Galicia”, sinalou.

O secretario xeral do PSdeG criticou as posicións do PP e da extrema dereita contrarias a esta norma e pediu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que abandone esa postura e aproveite a oportunidade que supón a incorporación dunha nova xeración de galegos no exterior.
“A Xunta non pode crear galegos de primeira e de segunda”, afirmou Besteiro, que reclamou políticas específicas para que os descendentes da emigración poidan participar no presente e no futuro de Galicia.
Neste sentido, tras os seus encontros con colectivos da diáspora en Arxentina e Uruguai, propuxo un plan para reforzar os lazos coa Galicia exterior, con programas educativos, culturais e lingüísticos dirixidos especialmente á mocidade.
A historia da emigración no ensino
Entre as iniciativas anunciadas polo PSdeG figura levar ao Parlamento galego unha proposta para incorporar ao sistema educativo a historia e a cultura da emigración.
Besteiro defendeu que as novas xeracións deben coñecer que unha parte esencial da identidade galega foi construída tamén polo traballo, o sacrificio e a solidariedade dos emigrantes.
“A Galicia que somos hoxe non se entende sen a súa diáspora”, apuntou, ao tempo que destacou o papel dos centros galegos no exterior como “unha rede que mantivo viva Galicia durante xeracións”.
Novo impulso ao autogoberno e aos servizos públicos
Durante a súa intervención polo Día Nacional de Galicia, o líder socialista tamén avogou por abrir unha nova etapa no autogoberno galego mediante unha reforma do Estatuto de Autonomía que permita blindar dereitos como a vivenda, a sanidade, a educación ou a atención á dependencia.
Besteiro defendeu que máis autogoberno debe traducirse en máis capacidade para mellorar a vida da cidadanía e reclamou que Galicia aproveite as posibilidades dun novo modelo de financiamento para reforzar os servizos públicos.
Ademais, situou a vivenda como unha das principais prioridades e propuxo recoñecela como o “quinto piar do Estado do benestar”, xunto coa sanidade, a educación, as pensións e a dependencia.
“A vivenda non é unha mercadoría máis. É un dereito”, afirmou, advertindo de que Galicia non pode resignarse a unha nova emigración xuvenil por falta de emprego ou de acceso a unha vivenda digna.
Políticas de retorno ligadas ao emprego
Na súa xira pola emigración galega, Besteiro reclamou tamén un cambio nas políticas de retorno para vinculalas ao mercado laboral e facilitar que quen queira regresar poida atopar oportunidades reais.
“Non chega con axudar a volver. Hai que facer posible quedar”, resumiu o secretario xeral do PSdeG, que pediu máis recursos e unha planificación estable para aproveitar a situación económica actual.
Segundo Besteiro, a relación da Xunta coa diáspora non pode limitarse a actos institucionais en datas sinaladas, senón que debe converterse nunha política permanente que recoñeza o papel da emigración como parte integrante da Galicia contemporánea.
O líder socialista pechou a súa mensaxe reivindicando un galeguismo “aberto, plural e integrador”, entendido como unha ponte entre xeracións, entre quen quedou e quen marchou, e entre Galicia e o mundo.
“Non se lle poden poñer fronteiras ao sentimento de pertenza dun pobo que aprendeu a vivir nas dúas beiras do Atlántico”, concluíu.
