O mar de Galicia comeza a amosar sinais cada vez máis visibles das transformacións asociadas ao cambio climático. Investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) documentaron por primeira vez a presenza en augas galegas de súas especies mariñas propias de zonas máis cálidas: a alacha (Sardinella aurita) e o cangrexo ermitán (Dardanus calidus). Os achados reforzan a hipótese dun proceso progresivo de tropicalización as costas do noroeste peninsular.

O norte de Galicia rexistra sinais do avance da fauna de augas cálidas
Segundo os estudos publicados recentemente nas revistas científicas Cybium e Biology, os investigadores localizaron cinco exemplares de alacha nas costas do norte de Galicia e unha femia de cangrexo ermitán recollida en Corrubedo, un rexistro que supón ademais a observación máis setentrional desta especie, uns 460 quilómetros ao norte da zona da costa portuguesa onde se atopaba habitualmente.

Aínda que os expertos advirten de que un único rexistro non é suficiente para confirmar unha colonización permanente no caso do cangrexo ermitán, consideran que a acumulación de observacións semellantes nos últimos anos indica unha reorganización progresiva da fauna mariña asociada ás novas condicións ambientais.
Un impacto que vai máis aló da biodiversidade
As consecuencias destes cambios poden ir máis aló da biodiversidade. No caso da alacha, os investigadores alertan de que a súa expansión podería aumentar a competencia coa sardiña autóctona polo espazo e os recursos alimentarios. Ademais, ao tratarse dunha especie cun valor comercial inferior, unha maior presenza desta fronte á sardiña podería ter impacto na actividade pesqueira galega.
O descubrimento confirma que os efectos do cambio climático non son unha realidade afastada, senón un fenómeno que xa comeza a deixar pegada nas costas galegas. O aumento da temperatura das augas favorece a chegada de especies que ata hai poucos anos eran propias de latitudes máis meridionais, convertendo Galicia nun laboratorio natural para estudar como responden os ecosistemas mariños ás transformacións climáticas en curso.