A Deputación mobiliza 1,5 millóns de euros para renovar oito estradas e reforzar o Parque Móbil

A institución licita actuacións en Xermade e Paradela, adxudica obras en Taboada, Palas de Rei, Friol e Chantada e incorpora unha nova escavadora para mellorar o mantemento da rede viaria
A deputada provincial, Pilar García Porto | Deputación de Lugo
A deputada provincial, Pilar García Porto | Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo destinará preto de 1,5 millóns de euros á mellora da rede provincial de estradas e á modernización do Parque Móbil. O investimento permitirá actuar en oito vías dos concellos de Xermade, Paradela, Taboada, Palas de Rei, Friol e Chantada, ademais de reforzar os medios destinados ao mantemento das infraestruturas.

Máis de 13 quilómetros de estradas en obras

Entre as actuacións aprobadas figura a licitación de dous proxectos por máis de 537.000 euros. En Xermade investiranse 249.399 euros para acondicionar diferentes treitos de catro estradas que conflúen no núcleo urbano: a LU-P-2201 e o seu ramal, a LU-P-2203, a LU-P-2205 e a LU-P-2213. As obras incluirán melloras na drenaxe, renovación do firme con aglomerado en quente e nova sinalización.

En Paradela, a Deputación destinará 287.702 euros á rehabilitación de catro quilómetros da LU-P-4201, entre Pacios e Mosteirovello. Ademais da renovación da estrada, construirase un paso elevado á altura do CEIP de San Miguel para reforzar a seguridade viaria nun punto especialmente frecuentado polo alumnado.

Obras adxudicadas en catro concellos

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á adxudicación de tres proxectos que suman 814.108 euros.

En Taboada rehabilitaranse os primeiros 6,1 quilómetros da LU-P-6001, que comunica a capital municipal con Mundín por Ada. En Palas de Rei e Friol renovaranse varios treitos da LU-P-4004, unha vía utilizada por explotacións gandeiras, establecementos de turismo rural e diferentes núcleos de poboación. Pola súa banda, en Chantada executarase a rehabilitación integral dos máis de 3,7 quilómetros da LU-P-1819, que conecta as parroquias de Quinzán das Peras e Mundín.

Todas estas actuacións inclúen a mellora da drenaxe, a renovación do firme e a reposición da sinalización, cun prazo de execución previsto de catro meses.

Nova maquinaria para o mantemento das estradas

Xunto aos investimentos na rede viaria, a Deputación licitou a adquisición dunha escavadora de cadeas de goma por un importe de 159.720 euros. O novo equipamento permitirá reforzar os traballos de conservación das infraestruturas provinciais, especialmente na limpeza de cunetas, movemento de terras e mantemento de camiños e estradas, co obxectivo de dar unha resposta máis rápida ás necesidades dos concellos.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.