O Concello de Cariño organizou un dispositivo para devolver aos alumnos de Educación Infantil e 1º, 2º e 3º de primaria do CEIP de Cariño o material escolar que tiñan nas aulas.
Son preto de 100 os nenos e nenas que recibirán nas súas casas os libros que compraran durante o verán e que, desde o inicio do curso, gardáronse nas aulas. “Cando se decretou o Estado de Alarma, este material quedou alí e non podían facer uso do mesmo para continuar avanzando cos temas e tarefas dos seus respectivos programas lectivos”, explicou o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar.
Desde onte, luns 20 de abril, o Concello, en coordinación coa dirección do centro, comezou a levar a cabo a repartición, que se prevé finalizar hoxe nas casas restantes. “Detectamos esta necesidade e non queriamos que ningún neno quedase sen o material necesario para acabar o curso da forma máis adecuada posible nas condicións actuais. Ata o momento non tiñan esta posibilidade, e estaban a facer uso do servizo de impresión e entrega a domicilio de deberes que puxemos en marcha”, destacou Alonso Pumar.
Discussion about this post