O Concello de Cariño acaba de investir 11.000 euros na obra de transformación do parque biosaudable do paseo marítimo nun ximnasio ao aire libre totalmente equipado no seu obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables entre os veciños e veciñas do municipio.
Na nova instalación, dirixida tanto a adolescentes como persoas adultas, hanse substituido a totalidade dos elementos do antigo parque biosaudable, que ademais estaban moi deteriorados polo paso do tempo e o efecto da corrosión mariña. Instaláronse 13 novos elementos, máis modernos, funcionais e variados para poder facer exercicios diversos. As novas máquinas están fabricadas cun material máis resistente á corrosión, buscando aumentar a súa durabilidade.
O goberno local decidiu acometer esta actuación para responder a unha demanda veciñal, xa que esta instalación era moi apreciada polos cidadáns, que facían uso dos elementos diariamente nunha contorna inmellorable.
O alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, lembrou que “o ano pasado renováronse os parques biosaudables de Sismundi e Feás e en próximas actuacións o temos en mente acometer os traballos na Pedra e Landoi para que todas as parroquias do Concello dispoñan dunhas instalacións deportivas deste tipo”.
Discussion about this post