O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, púxose en contacto coas entidades bancarias do municipio para pedirlles que fagan o posible por revisar os protocolos de actuación durante a crise sanitaria, de forma que se lles faciliten as xestións aos clientes sen causarlles problemas, pero evitando que se formen aglomeracións diante das sucursais. A petición vén dada polos informes da Policía Local xa que é precisamente diante dos bancos onde se rexistran os maiores problemas para respectar as normas de seguridade e evitar o contaxio do Covid-19, porque no interior das sucursais só se atende a un usuario cada vez.
Dado que Ortigueira ten un elevado índice de poboación maior de 60 anos e moitas persoas que non disponen de tarxeta nin están familiarizadas coas novas tecnoloxías e viven soas, Penabad solicita que se adopten algunha medidas, como facilitar que os clientes poidan solicitar por teléfono calquera información que necesiten relacionada coa declaración do IRPF, o saldo das súas contas e que esta lle sexa enviada por correo postal aos seus domicilios.
Tamén solicita que se permita a retirada de cartos en efectivo sen importe mínimo e que, en determinadas datas, como os días de cobro dalgunhas prestacións, incrementar o horario de atención ao público e o persoal para atendelo de xeito que poidan estar varios clientes á vez no interior da sucursal mantendo a distancia mínima de seguridade.
O alcalde di na carta enviada aos bancos que é coñecedor de que «se estableceron protocolos para que os clientes teñan que acudir ás oficinas o menos posible», pero que «non están a dar os resultados esperados«, ben por descoñecemento dos usuarios ou porque por diferentes circunstancias non saben ou non poden utilizar outros medios para realizar as súas xestións.