A organización do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira vén de anunciar que suspende o evento para este ano 2020 a causa da crise mundial do Covid-19. Tras varias reunións e avaliar todos os posibles escenarios, a organización decidiu non celebrar a edición deste ano e centrar os seus recursos en paliar os efectos da crise sanitaria no tecido social e empresarial da comarca.
O alcalde, Juan Muras, explicou “despois de diferentes reunións en marzo e abril entre o Concello e os diversos axentes implicados de organización, coordinación e seguridade, e a pesar de que moitos outros festivais manteñen as súas datas, tomamos a decisión de non celebrar esta edición, tres meses antes do seu inicio para non incorrer en ningún gasto que nos impedise dedicar os seus recursos ao que agora é verdadeiramente importante, a loita contra os efectos que a emerxencia sanitaria provocará naqueles colectivos máis sensible».
Xa se anunciou que as datas do próximo ano serán do 14 ao 18 de xullo, tal e como estaba previsto este verán. Os organizadores do evento explicaron que «este virus ataca o espírito mesmo da filosofía do Festival internacional do Mundo Celta de Ortigueira. O noso non é un evento no que se poidan gardar as distancias, é un festival de compartir, de estar xuntos», pero anuncian que haberá moitas novidades que se irán comunicando en próximas datas: «podemos avanzar que se ampliarán os concertos no noso escenario principal un día máis, pasando de catro a cinco días e comezando o mércores en lugar do xoves».