O Concello de Ferrol vén de poñer en marcha unha nova medida para axudar ás familias máis vulnerables e que máis están sufrindo as consecuencias do confinamento pola crise sanitaria do Covid-19. Neste caso trátase da campaña “Axuda con Alimentos”, unha iniciativa que pretende fornecer de comida aos veciños máis golpeados pola suspensión da actividade non esencial como consecuencia o estado de alarma decretado polo Goberno central.
Deste modo, aquelas persoas que ao tempo que acoden ao supermercado para realizar a súa compra desexen poñer o seu grao de area nestes difíciles momentos poden facelo aportando alimentos nos supermercados participantes neste programa. Efectivos da agrupación de Protección Civil encargaranse de recoller os produtos unha vez ao día seguindo un estrito protocolo de actuación deseñado polo departamento municipal de Seguridade.
Os alimentos serán entregados polo Concello de Ferrol ao Banco de Alimentos Rías Altas, e desde aí repartiranse ás familias que neste momento se atopan nunha situación límite. Poden entregarse produtos non perecedoiros, como aceite, produtos infantís, leite, cereais, chocolate, cacao, crema de cacao, conservas (de peixe, cárnicas e vexetais), produtos enlatados ou en frasco, fariña o azucre, entre outros.
As persoas interesadas en participar poden entregar alimentos nos establecementos nos que se atope o cartel da campaña “Axuda con Alimentos” na súa entrada.
Discussion about this post