Compostela abre as portas do seu patrimonio máis descoñecido coa Semana do Patrimonio Invisible

A oitava edición celebrarase do 7 ao 11 de setembro con visitas a espazos habitualmente pechados ao público e contará de novo co apoio da Deputación da Coruña
A deputada de Cultura, Natividade González, participou esta mañá na presentación dos programas, nunha rolda de prensa que compartiu coa concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e co xestor cultural de Trivium, Manuel Rial | Deputación da Coruña
A deputada de Cultura, Natividade González, participou esta mañá na presentación dos programas, nunha rolda de prensa que compartiu coa concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e co xestor cultural de Trivium, Manuel Rial | Deputación da Coruña

Santiago volverá mirar cara ao seu patrimonio desde unha perspectiva diferente coa celebración da oitava Semana do Patrimonio Invisible, unha iniciativa impulsada polo Concello de Santiago, a través de Compostela Cultura, coa colaboración da Deputación da Coruña. Do 7 ao 11 de setembro, a cidade ofrecerá visitas a espazos que habitualmente permanecen pechados ou que pasan desapercibidos para a cidadanía.

A programación completarase coas Noites do Patrimonio, que se desenvolverán entre a tarde do venres 11 e a noite do sábado 12, dentro da iniciativa compartida polas Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

Descubrir os espazos pouco coñecidos da cidade

A Semana do Patrimonio Invisible permitirá coñecer lugares como o Convento do Carme, o Pazo de Bendaña-Fundación Granell, As Orfas e o Museo do Pobo Galego, que se incorporan por primeira vez a este programa de visitas.

A programación inclúe tamén espazos xa presentes en edicións anteriores, como o Pazo Arcebispal, o Pazo de Raxoi, a Casa da Parra, o Auditorio de Galicia, as escavacións da Catedral ou os Mananciais de Compostela. A programación pecharase o venres cunha nova edición da tradicional visita secreta.

As actividades están pensadas en grupos reducidos, co obxectivo de facilitar unha aproximación máis próxima á historia e ás características dos edificios e espazos visitados.

Unha colaboración entre Concello e Deputación

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou na presentación do programa xunto á concelleira de Capital Cultural de Santiago, Míriam Louzao, e o xestor cultural de Trivium, Manuel Rial.

González destacou a capacidade da iniciativa para “descubrir a herdanza monumental da cidade e para facer da cultura algo vivo, próximo e compartido”. A Deputación colabora novamente co programa a través do convenio establecido co Auditorio de Galicia, un apoio que se foi incrementando ao longo dos últimos anos.

A responsable provincial defendeu tamén unha visión do patrimonio que vaia máis alá da súa conservación física e que permita abrilo, explicalo e compartilo coa cidadanía, favorecendo que os propios composteláns recoñezan estes espazos como parte da súa historia colectiva.

As Noites do Patrimonio completan a programación

A partir da tardiña do venres 11 de setembro comezarán as actividades das Noites do Patrimonio, que se prolongarán ata a noite do sábado 12. Santiago participará así novamente nesta proposta común das cidades españolas recoñecidas como Patrimonio da Humanidade.

O programa pretende achegar o patrimonio á cidadanía desde unha perspectiva participativa e contemporánea, máis alá do seu uso exclusivamente turístico, e promover novas formas de vivir e interpretar os espazos históricos da cidade.

As reservas para a Semana do Patrimonio Invisible poderán realizarse a partir do venres 4 de setembro ás 12.00 horas a través das webs de Patrimonio Invisible e Compostela Cultura. O programa completo das dúas iniciativas tamén está dispoñible na web de Compostela Cultura.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.