Este venres, día 30, comeza a segunda edición das xornadas San Martiño no Camiño, que organiza o Concello de Foz, cunha charla a cargo da profesora da USC -Universidade de Santiago de Compostela- Carolina Casal Chico. Será na sala multiusos do Centro de Interpretación da Basílica ás 20 horas.
Casal falará este venres en San Martiño acerca dos ciclos pictóricos no Camiño do Mar, a serie de representacións que lidas xuntas dan un contexto á unha obra concreta. Moitos templos no Camiño do Mar teñen representación pictórica no seu interior, con temáticas relixiosas e nalgúns casos incluso marítimas.
Carolina Casal Chico é licenciada en Historia da Arte e museóloga, xestora cultural, investigadora e docente. Actualmente é docente externa na Universidade de Santiago de Compostela, no Campus de Lugo, nos Cursos ensinanza regrada: IV Ciclo Universitario.
Esta actividade foi presentada polo concelleiro focego de Turismo, Chema Linares, quen comentou: “qué mellor escenario que unha xoia do románico para continuar cunha iniciativa que xa empezaramos o ano pasado. Trátase de realizar charlas, conferencias ou ben outras actividades entorno a esta temática do románico.»
«Temos un rico patrimonio na provincia e tamén na Mariña, moitas veces descoñecido e que merece destacar e achegarnos así unha rama do coñecemento, o arte, moitas veces esquecida. Contamos así, con docentes, historiadores e investigadores que nos darán a coñecer desde diversas ópticas os diferentes aspectos deste patrimonio. Dous obxectivos impulsan esta iniciativa: por unha parte o coñecemento á par que promocionamos a nosa Basílica; e tamén impulsar o Camiño do Mar, hoxe recoñecido pola Igrexa”.