Brenda González Fernández, coñecida literariamente como Brenda Mondelo, obtivo coa obra titulada “Neve” o XXXV Premio de Poesía Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dodro. Así o decidiu por unanimidade o xurado, composto polas poetas Inmaculada López Silva, Emma Pedreira e Rebeca Baceiredo despois de valorar os 51 poemarios candidatos, salientando de Neve “a orixinalidade do tema proposto, así como do seu tratamento”, xa que se trata, ademais, “dunha aposta non exenta de risco na busca de poetizar a narratividade; por outra parte, a pesar de ter dous protagonistas recoñecidos, consegue romper os clixés históricos arredor destas dúas figuras que constitúen o eixo principal do libro”.
Brenda Mondelo nace o 17 de decembro de 1994 no Seixo, en Pedrafita do Cebreiro, e estuda no CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel ata os seis anos. No 2001 marcha vivir canda os seus avós a Lugo, cidade na que cursará estudos ata finalizar bacharelato. Xa con dezasete anos, establecerase en Madrid e aló graduarase en Xornalismo e Ciencia Política. En todos eses anos, sempre que se afastou do fogar tivo a necesidade de escribir sobre el e as persoas que poboaron un mundo que nalgúns intres creu perder, pero que loitou por recuperar a través da poesía.
A súa traxectoria literaria conta cos premios: Certame de poesía Xoán Díaz e Certame (Re) inventando a Xela Arias, organizados polo Concello de Cambre. En marzo deste ano, publicou o seu primeiro poemario “O espello de Celia” en Medulia Editorial. O Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, ademais de honrar ao excepcional poeta de Dodro e contribuir á promoción da poesía galega, constitúe unha oportunidade única na que novos valores da lírica galega, como Brenda Mondelo, acadan o apoio e recoñecemento público do seus traballos.
O acto oficial de entrega do XXXV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón terá lugar o vindeiro, 10 de decembro, no CPI de Dodro. “Neve” de Brenda Mondelo será publicada no ano 2023, nunha editorial de recoñecido prestixio.
Discussion about this post