A Deputación da Coruña aprobou as bases do Plan Único 2020, cunha achega inicial de 2.398.962 euros para os cinco concellos que forman parte da comarca do Eume.
En concreto, o Concello de Cabanas recibirá 270.699 euros; o de Monfero 527.009 euros; Pontedeume, 375.063 euros; As Pontes, 986.037 euros; e A Capela, 240.154 euros.
Trátase dunha achega inicial, que como todos os anos irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio coa incorporación de remanentes, pero permite aos concellos planificar os seus orzamentos municipais e investimentos de cara ao vindeiro ano, ao contar xa cunha previsión mínima de ingresos por parte da Deputación.
47,2 MILLÓNS
É o importe da achega inicial do plan para os 93 concellos da provincia no próximo ano 2020.1.697 OBRAS
En tres anos, o novo Plan Único financiou 1.697 obras nos 93 concellos da provincia da Coruña.7,84 MILLÓNS
Tamén en tres anos, os concellos destinaron 7,84 millóns a pagar débedas cos seus proveedores.
Necesidades
Poderán destinar estes fondos, en función das súas necesidades, á execución de obras, ao financiamento de parte do gasto corrente dos seus servizos básicos, ou a sanear as economías municipais amortizando débeda con provedores ou entidades bancarias.
Os cinco concellos teñen de prazo ata o 19 de decembro para solicitar á Deputación os proxectos que queren financiar con cargo ao POS+2020.
O Plan Único, creado en 2017 polo Goberno provincial que preside Valentín González Formoso, unifica os antigos plans de investimentos da Deputación e 11 liñas de subvencións nunha única convocatoria anual. Isto permite aos concellos non só mellor planificación, senón tamén maior axilidade na tramitación, máis autonomía local para decidir en que invisten os fondos provinciais, e total transparencia na asignación de recursos, xa que os fondos do POS+ distribúense en base a criterios obxectivos como poboación, superficie, número de parroquias e esforzo fiscal.
Como principal novidade, as bases de este ano permiten que os concellos en situación de risco financeiro (que teñan unha débeda viva superior ao 200% dos seus ingresos correntes), poidan destinar ao financiamento de gastos correntes os fondos que perciben do Plan Único, a excepción dos fondos de préstamo.
Discussion about this post