Un chifro dun afiador de Ourense, unha gravación etnográfica realizada hai máis de setenta anos e a trompeta dun dos músicos máis influentes do século XX. Esa sorprendente conexión servirá de fío condutor da décima edición do Jazz de Ría, que volverá encher de música e cultura a Costa Ártabra entre os días 12 e 16 de agosto.
O festival, que celebra este ano o seu décimo aniversario, consolídase como unha das citas culturais máis singulares do verán galego, combinando jazz, patrimonio, paisaxe e memoria nun formato itinerante que percorrerá os concellos de Cedeira, Valdoviño, Narón e Neda.
A historia detrás dunha melodía universal
A edición deste ano xirará arredor dunha historia pouco coñecida que conecta a tradición popular galega coa historia do jazz. En 1952, o etnomusicólogo estadounidense Alan Lomax percorreu Galicia documentando sons e expresións da cultura popular. Nunha das súas gravacións rexistrou a José María Rodríguez, un afiador e capador de San Miguel do Campo (Ourense), interpretando co seu chifro a melodía coa que anunciaba a súa chegada ás aldeas.
Aquel rexistro acabou anos despois nos arquivos musicais que inspiraron ao trompetista Miles Davis durante a preparación de Sketches of Spain. O músico incorporou esa melodía ao inicio de The Pan Piper, convertendo o son dun oficio tradicional galego nunha pequena peza da historia universal do jazz.
Coincidindo co centenario do nacemento de Miles Davis, o Jazz de Ría recupera esta fascinante historia para reivindicar como a música popular pode transcender fronteiras e xeracións.

Cinco días de música en espazos únicos
Fiel á súa filosofía, o festival volverá apostar por levar a música a espazos naturais e patrimoniais da Costa Ártabra, convertendo cada concerto nunha experiencia ligada á paisaxe.
A programación abrirase o 12 de agosto no Miradoiro de San Antón de Corveiro, en Cedeira, coincidindo coa observación da eclipse solar. A xornada contará coa actuación de Xabier Díaz tras unha sesión do produtor galego DJMIL.
Ao día seguinte, Valdoviño acollerá o roteiro «Balcóns ao Atlántico», con intervencións musicais no Castro do Rodo, antes do concerto do dúo peruano Alejandro e María Laura na praia do Baleo.
O venres será a quenda de Narón, onde o Pazo da Cultura recibirá ao Ensemble 100xMiles, unha formación creada especificamente para homenaxear ao lendario trompetista estadounidense.
Un cartel con artistas de oito países
O sábado 15 de agosto concentrará boa parte da actividade do festival. Pola mañá, o narrador Quico Cadaval guiará unha visita ao Mosteiro do Couto para afondar na historia que une o chifro do afiador galego con Miles Davis.

Xa pola tarde, o Parque do Río Freixeiro converterase no escenario principal dunha intensa xornada de concertos na que participarán Sarah Dowling xunto ao Michael Kanan Trio, Albert Cirera & Tres Tambors e Yosvany Terry Quartet, unha das formacións internacionais máis destacadas desta edición.
O peche chegará o domingo 16 de agosto na Ribeira de San Nicolás, en Neda, coa actuación do músico arxentino Manu Sija.
A edición máis internacional
O Jazz de Ría celebrará o seu décimo aniversario coa programación máis internacional da súa traxectoria, reunindo artistas procedentes de Cuba, Arxentina, Perú, Palestina, Irlanda, Estados Unidos, España e Galicia.
Ao longo destes dez anos, o festival foi construíndo unha identidade propia baseada na descentralización da cultura, na posta en valor da paisaxe e do patrimonio e na creación de espazos de encontro entre a música contemporánea e as tradicións locais. Un modelo que converte cada edición nun percorrido pola Costa Ártabra onde o territorio é tamén parte do escenario.
