O Concello de Pontedeume participará o 2 de decembro en Caldas de Reis no acto de entrega de galardóns do proxecto ‘Vilas en Flor’. Unha iniciativa na que participan 39 concellos de Galicia co obxectivo de mellorar os espazos verdes urbanos, a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Representantes do Concello de Pontedeume acudirán a este acto despois da visita do xurado, que tivo lugar durante as pasadas semanas. O xurado achegouse ata As Fragas do Eume, ata a renovada praza ao carón da ponte da Pedra, ata os Xardíns de Lombardero coa súa recentemente acondicionada Árbore da Bruxa, e á Alameda de Rajoy.
Ademais, dende o Concello presentouse un dossier coas últimas iniciativas de posta en valor do patrimonio natural e de concienciación no coidado das zonas verdes, como o vídeo sobre ‘A Árbore da Bruxa’ que se pode ver no seguinte enlace: https://vimeo.com/760005792. O Concello de Pontedeume, que no último certame obtivo dúas flores de honra, aspira a mellorar esta clasificación grazas ao esforzo realizado tanto en mantemento como na mellora das zonas verdes municipais. Por último, dende o concello agradécese a colaboración de Ignacio Permuy na explicación realizada durante a visita do xurado sobre aspectos técnicos da flora existente nas Fragas do Eume.
Discussion about this post