Tralo éxito da pasada edición, o Concello de Pontedeume volve organizar por segundo ano o ‘Concurso de Nadal en Parroquias’, centrado na decoración de Nadal a partir de materiais reciclados. A Concellería de Parroquias informa de que poden participar no concurso todas as persoas que realicen decoración de Nadal nos seus balcóns, fiestras, portas, fachadas ou xardíns exteriores nas parroquias do Concello de Pontedeume: Andrade, Boebre, Centroña, Nogueirosa, Ombre e Vilar. O día 2 de xaneiro de 2023 realizarase a valoración por parte do xurado visitando as instalacións decorativas participantes.
Establécense tres modalidades de participación: familiar ou individual, no caso de vivendas individuais; colectivos por urbanización, nos conxuntos de vivendas pertencentes a unha urbanización; e colectiva por parroquia, para os conxuntos de vivendas pertencentes a unha única parroquia. O gañador da categoría individual recibirá un diploma e un bono-viaxe para dúas persoas, mentres que os gañadores das categorías colectiva ou parroquia recibirán o seu respectivo diploma e trofeo.
A técnica para a realización da decoración é libre. Os participantes poderán empregar calquera material, especialmente refugallos susceptibles de ser transformados en novos obxectos de temática de nadal, como bolas de nadal, farolillos, cadenetas, lámpadas ou árbores de nadal. Tamén se poderá empregar iluminación para realzar as decoracións realizadas. As persoas interesadas en participar no concurso, deberán formalizar as súas inscricións ata o venres 23 decembro no Rexistro do Concello de Pontedeume ou na sede electrónica https://sede.pontedeume.gal/.
No momento de inscribirse, deberá indicarse a modalidade na que participan: individual, por urbanizacións ou parroquias, esta última representada a través da súa Asociación de Veciñas e Veciños. As obras e decoracións realizadas deberán estar expostas como mínimo ata o 6 de xaneiro de 2023 e deberá aparecer recollido a través dun cartel ou calquera outro modo de representación o nome “Nadal en parroquias de Pontedeume” O xurado, composto por representantes da Concellería de Parroquias e colectivos profesionais de decoración, iluminación, ambientación e atrezzo, avaliarán aos participantes en función dos seguintes criterios: deseño, orixinalidade, iluminación, cantidade e tipoloxía dos materiais reciclables empregados e fomento de los valores locais.
Discussion about this post