O Boletín Oficial da Provincia publicou onte a concesión definitiva das subvencións que concede anualmente a Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico deportivo nos concellos da provincia. Este ano, 15 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal contratarán ou manterán no seu cadro de persoal a técnicos deportivos municipais grazas ao apoio económico da Deputación, que achega un total de 172.000 euros para financiar este programa.
A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, afirmou que “ademais de contribuír á xeración de emprego na provincia, permitindo a contratación de 15 persoas durante un período dun ano, facilitan tamén que os municipios coruñeses poidan desenvolver programacións deportivas de carácter estable e fomentar a actividade física entre a poboación”.
A Deputación financia ata o 80% dos custes salariais (soldo e Seguridade Social) do persoal técnico deportivo contratado durante un ano, cunha achega máxima de 15.000 euros para aqueles municipios que optan pola contratación dun graduado universitario en Ciencias da Actividade Física e o Deporte que traballe a xornada completa. Os concellos poden contratar tamén técnicos superiores en Animación de Actividades Físicas e Deportivas e facelo a xornada completa ou media xornada, aboando sempre o 20% restante do salario.
CONCELLO | ACHEGA |
A Capela | 3.958,33 |
As Pontes | 15.000,00 |
Ares | 15.000,00 |
Cariño | 15.000,00 |
Cedeira | 5.000,00 |
Fene | 15.000,00 |
Ferrol | 15.000,00 |
Mañón | 10.000,00 |
Moeche | 10.000,00 |
Monfero | 10.000,00 |
Neda | 8.470,00 |
Mugardos | 15.000,00 |
Pontedeume | 15.000,00 |
San Sadurniño | 15.000,00 |
Valdoviño | 5.000,00 |
Total | 172.428,33 |
Discussion about this post