O Pleno da Deputación da Coruña aprobou onte unha moción do PSOE esixindo á Xunta que manteña o investimento no Plan Marco de Camiños Rurais. Os socialistas criticaron que o goberno de Feijoo recortara nun 41% de media uns fondos que, en moitos casos, son a única aportación que perciben os pequenos municipios da administración autonómica.
En concreto, o Plan Marco de Mellora de Camiños Rurais comezou cun orzamento de case 20 millóns de euros en 2016 e reduciuse progresivamente ata os 11.974.836 euros cos que conta para o período 2020-2021.
As comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal atópanse entre as máis afectadas por este recorte nos investimentos. En conxunto, os municipios destas zonas pasaron de recibir 1.355.776 euros en 2016 a 780.557 euros, o que supón un 42% menos. Municipios como As Pontes -49% menos-, San Sadurniño -47% menos-, Cedeira -46% menos- ou Valdoviño -47% menos- están entre os máis perxudicados de Galicia.
Este fondo é un relevante instrumento de cooperación e axuda financieira ás entidades locais que impulsa a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural. Ten como principal obxectivo subvencionar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños rurais, co fin de renovar esta rede viaria que sirve de acceso ás explotacións agrícolas do seus territorios, facilitando considerablemente a accesibilidade ás parcelas de cultivo.
Discussion about this post