O Concello de Ferrol vai celebrar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade (3 de decembro) cunha xornada no pavillón de Esteiro o día 8 de decembro, de 12.15 horas a 13.30 horas, tal e como anunciou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, quen explicou que cada ano o Concello centra a conmemoración desta data nun ámbito distinto e este ano dedicarase ao deporte e saúde mental. Nesta liña, e tendo en conta a implicación e traballo desenvolvido polo Concello de Ferrol para o impulso e posta en marcha do proxecto da nova Escola Inclusiva Uni2 do Baxi Ferrol, de baloncesto inclusivo, a xornada do día 8 contará coa participación do Baxi e da súa nova escola.
“Será unha xornada de convivencia ao tempo que daremos a coñecer este novo proxecto”, indicou Martínez Montero. O evento estará aberto ás entidades sociais e á cidadanía en xeral e participarán as persoas que forman parte da Escola Inclusiva, xogadoras e técnicos do primeiro equipo do Baxi e unha representación de xogadores e adestradores dos equipos de base. O programa inclúe a entrega dun total de 70 camisetas de xogo por parte das xogadoras do primeiro equipo do Baxi aos membros da Escola Inclusiva e a continuación haberá unha exhibición dos exercicios de adestramento da Escola coa participación das xogadoras. Ás 13.15 horas haberá unha rolda de intervencións dos participantes e colaboradores e a clausura do acto.
Durante o acto, realizarase do pavillón de Esteiro un mural común e colaborativo sobre a conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Ademais, o día 10, durante o partido Baxi- Azkoitia Azpeitia IBS, presentarase na Malata a Escola Inclusiva Uni2, que lucirán as súas novas camisetas.
Discussion about this post