A Deputación da Coruña xa ten listo o expediente para sacar a contratación as obras de mellora da seguridade na estrada DP-4901 que cruza San Ramón ata conectar co eixo Balocos-As Somozas.
O proxecto deseñado polo Concello de Moeche marca a substitución do firme en todo o tramo por outro novo de aglomerado, co que se asegura unha mellor adherencia e a eliminación de irregularidades dunha das vías con máis tránsito do municipio. De feito, para incrementar a seguridade tamén se incorporou a necesidade de dimensionar o largo, que pasará dos 4,2 aos 6 metros.
Por outra banda, dentro do plan técnico municipal asumido como propio pola Deputación tamén se incorporou unha senda que prolongue a marxe esquerda das beirarrúas existentes, facéndoa chegar ao remate da pista. O proxecto cifrouse en 259.141,13 euros, cun orzamento para expropiacións doutros 12.415,20 euros.
Sobre a titulariedade do eixo viario, Bascoy defende que a DP-4901 “pase a mans do Concello así que estea amañada” posto que “non ten sentido que un dos eixos que cruza San Ramón siga sendo de titulariedade provincial”. A rexedora local aposta pola cesión “como maneira de axilizar as cousas para o Concello e tamén para os veciños e veciñas da zona, que non terían que agardar as autorizacións da Deputación cada vez que quixesen facer algunha obra, senón que poderían tramitalas directamente no Concello”.
Discussion about this post