O Concello organiza a través do programa municipal “Narón en Transición” un novo obradoiro sobre reciclaxe de papel e plástico que terá lugar o vindeiro mércores, día 26, na Praza da Gándara.
O concelleiro de Medio Ambiente, Santiago Galego, explicou que se trata dunha nova proposta da feira temática “Precius Plastic”, que se dirixe a persoas de tódalas idades e que se levará a cabo de 16.00 a 18.30 horas na citada ubicación. Galego animou á veciñanza a asistir á convocatoria, para a que tal e como indicou non é preciso inscribirse previamente.
Baixo unha carpa instalarase todo o material preciso para desenvolver a actividade, que se ofrecerá de balde dende a organización ás persoas que acudan a esta convocatoria. Trátase, indicou o edil naronés de que as persoas que asistan tomen conciencia da crise do lixo, aprendan a pirámide do residuo, o significado da compostaxe, e tamén a reciclar follas de papel.
Galego incidiu na importancia de que a cidadanía se implique en actividades como as programadas a través da iniciativa “Narón en Transición” para contribuír a coidar o medio ambiente e reducir a produción de CO2, responsable do quencemento global.
Discussion about this post