O CHUF recibe milleiros de máscaras, monos, batas e luvas

O Concello de Ferrol foi o encargado de facerlle entrega do material procedente das doacións privadas recibidas nos últimos días
chufmascarillas

O Concello de Ferrol comezou a repartir o material doado estes días por diferentes empresas da cidade e da comarca con destino ao Sergas e ao persoal que leva a cabo labores de risco durante a epidemia de COVID-19. Dende o punto loxístico de emerxencias instalado no antigo Hospicio partiron onte pola tarde furgóns con voluntarios de Protección Civil que se encargaron de trasladar os equipos de protección individual (EPI) aos lugares onde son máis necesarios nestes momentos.

A prioridade foi o CHUF. No Hospital Arquitecto Marcide entregáronse 1.924 máscaras tipo FFP2, 29 caixas de luvas de nitrilo de diferentes tallas, 429 monos de varias medidas, 6 batas cirúrxicas, 1 caixa de gorros cirúrxicos e 22 gafas de protección.

Desta distribución tamén se beneficiaron o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Física (CAMF), ao que se lle achegaron 50 monos, a base do 061 (máscaras FFP2), Cáritas (30 mascarillas FFP1), o albergue Pardo de Atín (30 máscaras FFP1), a residencia de maiores de Caranza (1 caixa de máscaras FFP1), a residencia Mi Casa (1 caixa de máscaras FFP1), a residencia Domus VI (1 caixa de máscaras FFP1) e o persoal de atención á dependencia (1 caixa de máscaras FFP1).

Mentres, continúan as cesións de EPIs por parte de diferentes empresas. Esta mesma mañá estase inventariando novo material chegado ao antigo Hospicio. Boa parte del procede de outra importante entrega realizada por Navantia, que contén unha cantidade de material similar á recollida polos voluntarios de Protección Civil nos estaleiros de Ferrol e Fene o pasado luns. Pero tamén hai elementos procedentes de pequenos negocios, dende clínicas dentais ata ferraxerías.

 

Relacionadas