A plataforma ‘Clásicas en Pé, acta non verba’ vén de poñer o foco na situación do ensino de Latín e Grego en Galicia cun informe técnico que detecta problemas na oferta destas materias en decenas de institutos. O documento, elaborado tras auditar 94 centros de Educación Secundaria das catro provincias, denuncia que máis de 200 alumnos están obrigados a cursalas a través da educación a distancia, mentres parte do profesorado especialista contratado nos propios centros realiza gardas ou imparte outras materias.
Segundo os datos recollidos polo colectivo, 47 institutos «poderían recuperar a docencia presencial sen incrementar o gasto público», xa que dispoñen de profesorado de Latín e Grego contratado a xornada completa. A plataforma considera que esta situación evidencia «unha falta de aproveitamento dos recursos humanos da educación pública» e reclama á Consellería de Educación que permita ao alumnado recibir estas materias nas aulas.
O informe tamén identifica dificultades noutros 15 institutos, nos que, segundo denuncia a organización, as materias de linguas clásicas «non se ofreceron con suficiente transparencia na plataforma de xestión educativa XADE nin nos sobres de matrícula».
Unha ponderación menor nas PAU que noutras comunidades
Á falta de presencialidade súmase, segundo Clásicas en Pé, a desigualdade que sofre o alumnado galego nas probas de acceso á Universidade (PAU/ABAU). A plataforma cuestiona os criterios aplicados pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), que establece unha ponderación de 0,1 para Latín II e Grego II no acceso a titulacións da rama de Ciencias Sociais e Xurídicas.
O colectivo contrapón esta puntuación á ponderación de 0,2 que, segundo sinala, se aplica en comunidades como Madrid, Murcia e Andalucía. Esta diferenza pode traducirse nunha desvantaxe de ata un punto na nota de admisión do alumnado galego, que compite co resto de estudantes no distrito universitario único.
Por este motivo, a plataforma reclama revisar os criterios de ponderación para evitar que os estudantes de Galicia partan dunha posición menos favorable no acceso aos graos universitarios.
Apoio sindical e peticións á Consellería
As reivindicacións e os resultados do informe xa foron trasladados á Mesa Sectorial de Educación, segundo informa o colectivo, que asegura contar co respaldo da representación sindical para reclamar medidas que garantan unha oferta adecuada das linguas clásicas no ensino público.
Entre as demandas figura o fin da amortización de prazas por xubilación, así como a aprobación dunha norma clara para que a Inspección Educativa garanta que as materias optativas se oferten antes do 15 de xullo. O obxectivo é que o alumnado poida coñecer con antelación as opcións dispoñibles e matricularse nelas sen trabas administrativas.
A plataforma insiste en que a recuperación da docencia presencial nos centros que xa dispoñen de profesorado especialista non require aumentar o orzamento, polo que insta a Administración autonómica a actuar para corrixir a situación.
Asemblea autonómica e entrega de sinaturas en Santiago
As mobilizacións terán un novo fito este venres, 16 de outubro, coa celebración da Asemblea Autonómica de Clásicas na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Durante a xornada, o colectivo realizará o reconto das sinaturas recollidas tanto en formato físico como a través da campaña impulsada na plataforma Change.org para defender o ensino de Latín e Grego en Galicia.
O expediente será rexistrado formalmente ante a Consellería de Educación, a CIUG e o Parlamento de Galicia, co propósito de trasladar as demandas aos organismos responsables da planificación educativa e dos criterios de acceso á Universidade.
Clásicas en Pé busca así que as súas reclamacións se traduzan en medidas concretas para garantir a docencia presencial das linguas clásicas, mellorar as condicións de matrícula e equiparar as oportunidades do alumnado galego nas probas de acceso aos estudos universitarios.