«Con sentidiño», así apuntaba o organizador do Nachiños Fest, José Cobelo, como ten que ser a segunda edición do festival de música de Ferrol que comezou a súa andaina o ano pasado. A pesar de preparar o evento desde decembro, non foi tras as novas normativas establecidas no DOG e vendo que a actual situación sanitaria parece estabilizarse, que os organizadores e os patrocinadores axustaron as súas pretensións para poder cumprir coas medidas sanitarias e co soño de moitos asistentes.
«O proxecto naceu o ano pasado un pouco pola sensación de ter sempre que desprazarnos para poder asistir aos festivais. Viamos que había unha necesidade que nós queríamos encher», comentaba José Cobelo tras preguntarlle por esta iniciativa que, se todo segue en orde, sería este 2020 a súa segunda edición.
Medidas de seguridade estritas
Debido á situación de crise sanitaria vivida pola Covid-19 e co medo de que volva ás nosas vidas, dende a organización do festival queren mostrar unha completa preocupación neste sentido. «O Nachiños Fest seguirá adiante sempre e cando non apareza ningunha normativa que o prohíba nin xurdan rebrotes na zona, non queremos precipitarnos», afirmaba José Cobelo.
Ademais, quixeron facer especial fincapé en todas as normas e restriccións que haberá que cumprir para poder manter a salvo a seguridade de todos os asistentes. «Será obrigatorio o uso de máscara, e a distancia de seguridade entre os achegados é unha esixencia, non unha recomendación. A maiores estamos tratando de contactar con algunha empresa que poda facilitarnos xeles desinfectantes para poder entregalos na entrada a todas as persoas que veñan a disfrutar do evento».
En canto ao escenario, ampliarase a distancia que o separa do público co valado antipánico, e todos os traballadores que participen nos dous días de evento contarán con máscaras e luvas para evitar calquer perigo. Por outra banda tamén sinalaron a vantaxe que ten o festival á hora de estar ao aire libre e de contar cun rexistro con todos os asistentes, podendo controlar en todo momento o aforo.
Un festival á beira da praia
O lugar onde se levará a cabo o festival de música será o campo de As Cabazas, na parroquia de Covas. Este espazo conta cunha gran extensión que permitirá que, en caso de cubrirse o aforo limitado a 1000 persoas, estas poidan manter a distancia de seguridade correspondente.
Tamén haberá á disposición de quen o desexe un lugar de acampada. Tal e como se fixo o ano pasado, os asistentes contarán cun desconto por se queren acampar no camping de As Cabazas. «Na primeira edición esta iniciativa funcionara moi ben, xa que a zona de acampada está ao carón do festival e tan só a 50 metros da praia, cunhas vistas espectaculares», recalcaba José Cobelo.
En canto as actuación programadas, ata o de agora contan con grupos como Sidonie, Sinsinati, Veintiuno, Smile, We Are Not Dj’s, Dj Flaca, Baiuca e Superglú, e aínda están pendentes dun último grupo por confirmar. O prezo das entradas están no primeiro tramo a 35 euros, e dependendo de como sexan as ventas abrirase un segundo tramo onde o custe sexa de 40 euros. Ademais, comprarase un abono para os dous días, xa que debido as normativas vixentes é máis doado de controlar o acceso ao recinto e non con diferentes ventas para cada día.
Dende a propia organización do evento destacaron a gran acollida que tivo o ano pasado, así como a gran responsabilidade que perdurou ao longo dos dous días, e esperan que este ano sexa así e que haxa unha gran concienciación social ao respecto.