O departamento de Obras do Concello de San Sadurniño está levando a cabo distintas actuacións nos números máis baixos da avenida Marques de Figueroa para evitar novos atascos nos sumidoiros. Este proxecto ponse agora en marcha, tralas inspeccións realizadas polo concello o pasado mes de febreiro para detectar os puntos onde se estaban producindo atascos e filtracións. Aquel traballo fíxose cun vehículo teledirixido que non só axudou a ver os problemas internos da rede, senón que tamén permitiu localizar acometidas domiciliarias para as que hai 30 anos, cando se fixo a primeira grande reparación da avenida, non se deixaron rexistros en superficie.
Agora o departamento de Obras e Servizos encargou que nese trazado se efectuasen varias catas para sacar á luz as tapas dos rexistros e facer desde elas os labores de desatascado da rede. Os traballos comezaron a semana pasada e obrigaron a cortar a avenida entre o CPI e a rúa que dá ao ximnasio do centro escolar.
Ademais de limpar os sumidoiros tamén se aproveitará para instalar novas tapas do alcantarillado en superficie, o que permitirá no futuro solventar de inmediato calquera problema que se produza nas canalizacións. «O que estamos facendo agora é algo que xa se debería ter feito hai trinta anos, cando se amañou por primeira vez a avenida. Aforraríanos moitos inconvenientes e ter que andar facendo obras neste momento, cando hai tan só un ano que se reparou toda esta rúa», lamenta Secundino García.
Porén, o rexedor sinala que os traballos en marcha servirán para «facer un plano detallado da rede e corrixir chapuzas do pasado, de maneira que quen xestione o Concello no futuro disporá dunha guía de referencia precisa sobre como están as cousas, evitándolle ter que andar solucionando os problemas case a cegas, como nos ocorreu a nós neste caso». Agárdase que as obras finalicen a mediados desta semana botando unha nova capa de aglomerado nos tramos de vía afectados e restaurando os fragmentos de beirarrúa onde foi preciso actuar.